No marco da Estratexia Europa 2020, a Comisión Europea impulsou as estratexias de especialización intelixente (RIS3) para apoiar ás rexións, investindo nas prioridades e nas necesidades de desenvolvemento baseadas no coñecemento, co fin de intensificar a especialización dos diferentes territorios de acordo coas súas vantaxes competitivas.
En novembro de 2013, o Consello de la Xunta aprobou a RIS3 Galicia 2014-2020 como a estratexia integral de innovación de Galicia, na que se establecían as prioridades de investimento en I+D+i da Xunta de Galicia para ese período. Esta folla de ruta das políticas de innovación da nosa comunidade é froito da esixencia da Comisión Europea a todas as rexións europeas de definir as súas prioridades de gasto en I+D+i para este período e dun proceso participativo no que interviron os principais axentes do Sistema Galego de Innovación coordinados pola Axencia Galega de Innovación (en diante, GAIN).
Para o seguinte período de programación, 2021-2027, coincidindo coa vixencia dos programas operativos dos Fondos Europeos da Política de Cohesión e do 9º Programa Marco de investigación da Comisión Europea Horizonte Europa, a Comisión Europea prevé o establecemento, para cada Obxectivo político, dunhas condicións previas para a súa execución denominadas condicións habilitantes. A I+D+i está encadrada no Obxectivo Político 1 “Unha Europa máis intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente”. A condición habilitante para este Obxectivo Político 1 é: “Boa gobernanza da estratexia nacional ou rexional de especialización intelixente”. O seu cumprimento inclúe 7 criterios:
- A análise actualizada das limitacións para a difusión da innovación, incluída a dixitalización
- A existencia dunha institución ou organismo nacional ou rexional competente, encargado da estratexia de especialización intelixente
- Instrumentos de seguimento e avaliación para medir os resultados con respecto aos obxectivos da estratexia
- Funcionamento eficaz do proceso de descubrimento de oportunidades empresariais
- Accións necesarias para mellorar os sistemas rexionais ou nacionais de investigación e innovación
- Accións para xestionar a transición industrial
- Medidas para a colaboración internacional
Para cumprir cos requisitos da UE, e definir a RIS3 Galicia neste novo período, é preciso sentar as bases para adecuar e incorporar as melloras dos instrumentos actuais, definir a estratexia do novo período e adecuar os novos instrumentos que constituirán o marco de financiamento da I+D+i para o período 2021-2027. Para a elaboración da RIS3 de Galicia neste novo período, GAIN volverá a coordinar un amplo proceso participativo con todos os axentes do Sistema Galego de I+D+i, é dicir, o Proceso de Descubrimento Emprendedor (EPD nas súas siglas en inglés) e executar todas as actuacións necesarias para a súa definición. Este proceso levarase a cabo nos anos 2020 e 2021, e deberá permitir reforzar a colaboración dos xestores públicos, dos axentes de I+D+i e da sociedade para:
- a priorización consensuada dos investimentos en Galicia en investigación, desenvolvemento e innovación en base a fortalezas, capacidades e oportunidades emerxentes,
- a identificación compartida dos elementos crave da estratexia, por exemplo visión, retos, prioridades, obxectivos ou instrumentos de apoio,
- o impulso aos marcos de colaboración público-privados e a un maior investimento privado en I+D+i,
- o establecemento do marco financeiro para o período 2021-2027,
- unha maior participación dos axentes menos activos, por exemplo as PEMES e a sociedade,
- a implicación e corresponsabilidade de todos os axentes e da Administración para a implementación e o cumprimento dos obxectivos, posibilitando a asunción de compromisos relacionados.
A RIS3 Galicia 2021-2027, ademais de dar cumprimento á condición habilitante para os fondos estruturais europeos, será a estratexia integral para todas as actuacións da I+D+i en Galicia. Como tales, as grandes metas da RIS3 Galicia 2021-2027 a través da especialización en I+D+i son: evolucionar o modelo produtivo, gañar competitividade e crecer de forma sostible no tempo, xerando emprego de calidade e contribuír a dar resposta aos grandes retos e necesidades da sociedade.
A RIS3 2021-2027 constituirá o marco de programación e coordinación da I+D+i en Galicia, independentemente do fondo que as financie e de quen as execute.