A Comisión Europea seleccionou a Galicia como exemplo de boas prácticas na implementación de estratexias de especialización intelixente
A Comisión Europea vén de publicar o Manual para a implementación das Estratexias de Especialización Intelixente (Implementing Smart Specialisation Strategies: A Handbook) no que Galicia foi seleccionada como exemplo de boas prácticas tanto no ámbito da cooperación transnacional, grazas á Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T), como polo sistema de seguimento e avaliación implementado.
No capítulo IV do manual, adicado á cooperación transnacional e as cadeas de valor, a Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T) está recollida como exemplo do estadio máis avanzado de cooperación transnacional: as estratexias conxuntas, unha fase que axuda a axilizar o financiamento das fontes existentes e a explotar as sinerxias coas iniciativas políticas, os instrumentos e as infraestruturas doutras rexións.
Por outra banda, no capítulo V consagrado aos sistemas de seguimento e avaliación da implementación das RIS, Galicia foi seleccionada, xunto ás rexións de Gales (Reino Unido), Aquitania (Francia) e Emilia-Romana (Italia), polo seu sistema de seguimento como un instrumento para xestionar os obxectivos da estratexia. O sistema de seguimento da RIS3-Galicia inclúe 74 indicadores, categorizados como indicadores de execución, de resultado e de impacto, que constitúen o cadro de mando do sistema de avaliación e unha ferramenta de xestión clave que integra os niveis executivo e operativo da estratexia co obxectivo de acadar os obxectivos a medio e longo prazo da RIS3-Galicia.
O manual persegue facer un balance da experiencia da Especialización Intelixente e presentar o estado actual da técnica, tanto en termos de desenvolvemento conceptual como de implementación práctica.
Documento completo: Implementing Smart Specialisation Strategies: A Handbook