Indra e Inaer reúnense coas empresas e centros de coñecemento que participarán no polo aeronáutico de Galicia
O pasado martes, 21 de xuño, as multinacionais socias da Xunta de Galicia na posta en marcha do polo de avións non tripulados de Galicia, Indra e Inaer, reuníronse coas empresas e centros de coñecemento cos que van colaborar. Nesta xuntanza, celebrada na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela, sentaron as bases da colaboración que levarán a cabo no marco deste proxecto e fixaron un calendario de traballo para os vindeiros meses.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que participou no encontro xunto a directivos de Indra e Inaer, destacou o compromiso de ambas multinacionais co tecido industrial e investigador galego que se materializará nun investimento de 42 millóns de euros en contratos. Destes contratos beneficiaranse 18 empresas, 10 centros tecnolóxicos e as universidades galegas e suporán unha oportunidade a nivel de creación e retención de emprego e de impulso da competitividade e da transferencia ao mercado, en palabras de Conde.
Fonte: Xunta de Galicia