A Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia mobilizou preto de 500 millóns nos tres primeiros anos
Manuel Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación, informou o pasado mércores, 25 de maio, ao Parlamento sobre o balance dos tres primeiros anos de execución da RIS3 de Galicia. Varela Rey ofreceu o dato de preto de 500 millóns de euros mobilizados e máis de 1.000 actuacións. Destas, a metade centrouse no programa específico de apoio ás pemes, o Peme Innova, que activou preto de 200 millóns de investimento en Galicia.
O director de GAIN tamén subliñou que a RIS3 serviu para atraer investimentos innovadores a Galicia, en concreto máis de 200 millóns de investimento a través do programa Innova en Galicia. Así mesmo, Galicia atraeu fondos no marco do programa europeo Horizonte 2020 apoiada por medidas postas en marcha pola Xunta para facilitar a captación de fondos, mellorando nun 60% o retorno respecto do VII Programa Cadro.
Manuel Varela defendeu ademais a capacidade da estratexia para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego a través da transferencia de coñecemento procedente de entidades como centros tecnolóxicos e universidades, unha tarefa na que nos últimos tres anos se mobilizaron 60 millóns de euros.
Por último, o director de GAIN lembrou que Galicia elaborou xunto co Norte de Portugal a primeira Estratexia de Especializacion Intelixente Transfronteiriza (RIS3T) da Unión Europea, co obxectivo de mobilizar 360 millóns de euros ata 2020 en proxectos de innovación, unha iniciativa que foi gabada polo comisario europeo de I+D+i da UE, Carlos Moedas.
Fonte: Xunta de Galicia