INDRA e INAER presentan o acordo de investimentos no polo tecnolóxico industrial aeronáutico de Galicia
Indra e Inaer presentaron hoxe en Rozas (Castro de Rei) o acordo de investimentos para a posta en marcha do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Galicia. Neste acordo, segundo avanzou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, prevén que o parque tecnolóxico comece a funcionar a partir de setembro deste ano, aínda que os traballos previos arrincarán xa neste mes de maio coa contratación de persoal, entre xuño e decembro asinaranse os contratos coas empresas subcontratistas, entre xullo e decembro realizarase o traslado a Galicia das seis empresas especializadas, en xullo comezará a construción do hangar de Indra e a instalación do centro de mantemento de helicópteros e, en agosto, comezarán os voos de proba.
Esta iniciativa, que supón un investimento total de 115 millóns de euros e a creación de arredor de 600 empregos cualificados, desenvolve a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). En concreto, encaixa no reto 2 que persegue a creación dun novo modelo industrial en Galicia a través da diversificación dos sectores industriais tractores e no programa de Compra Pública de Innovación, un dos instrumentos previstos na RIS3 para apoiar a transferencia de coñecemento ao mercado.
Fonte: Xunta de Galicia