A RIS3, unha oportunidade para avanzar na dixitalización do sector primario galego
O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, participou a semana pasada nunha xornada organizada polo centro tecnolóxico Gradiant centrada na innovación e na adopción das TIC por parte do sector agroalimentario e acuícola.
No marco desta xornada, Varela destacou a oportunidade que supón a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) para avanzar na dixitalización do sector primario galego. En concreto, Varela incidiu en que o primeiro dos retos da RIS3 impulsa a modernización de actividades tradicionais dos sectores primarios galegos a través da innovación, impulsando a obtención de explotacións máis eficientes, innovadoras e rendibles.
O director da GAIN subliñou así mesmo os diferentes proxectos innovadores que, a través de programas como o Conecta Pemes, o Innterconecta ou as aceleradoras de innovación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a apoiar no sector agroalimentario.
Con esta xornada, Gradiant defende que Galicia pode erixirse como un polo de innovación dixital a nivel europeo nos sectores agroalimentario e acuícola. O encontro permitiu coñecer casos concretos de innovación dixital no sector, ademais de coñecer os mecanismos de apoio previstos para avanzar neste eido.
Fonte: Xunta de Galicia