Workshop Civil UAVs Initiative
A Xunta de Galicia celebrou os pasados 20 e 21 de xullo o Workshop Civil UAVs Initiative, un encontro ao que asistiron máis de 200 representantes de empresas do ámbito internacional e no que se presentou a iniciativa da Xunta de Galicia para crear un polo tecnolóxico industrial arredor dos sistemas aéreos non tripulados en Galicia, unha iniciativa que suporá un investimento total de arredor de 55 millóns de euros até 2020 e que se inscribe no reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), co obxectivo de diversificar a actividade dos sectores industriais galegos cara actividades de alta tecnoloxía, como provedores do sector aeronáutico e aeroespacial.
O workshop, que foi inaugurado polo presidente da Xunta de Galicia e por representantes do Ministerio de Defensa e do Ministerio de Economía e Competitividade, tivo un carácter eminentemente técnico e serviu para presentar os detalles do proxecto, expoñer as oportunidades que ofrece, resolver as dúbidas aos asistentes e facilitar o contacto entre as entidades participantes co fin de identificar as capacidades locais neste eido e favorecer alianzas.
Unha mostra do interese suscitado pola iniciativa foi o elevado número de reunións de negocios que mantiveron empresas multinacionais co tecido produtivo galego co obxectivo de establecer alianzas para desenvolver proxectos conxuntos. Precisamente, debido a esta elevada demanda, a Xunta de Galicia dediciu manter a disposición dos interesados a infraestrutura necesaria para que continúen manténdose estas reunións durante os próximos días –do 27 de xullo ao 7 de agosto- nas instalacións da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela.
Podes ampliar información sobre a iniciativa na páxina web da Civil UAVs Initiative.
Fuente: Workshop Civil UAVs Initiative