Galicia aumenta o gasto en I+D no sector da biotecnoloxía
Segundo a Estatística sobre uso da Biotecnoloxía publicada onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia incrementou nun 31% o seu investimento interno en I+D no sector da biotecnoloxía en 2013. Dentro deste incremento, o aumento do gasto en I+D en biotecnoloxía das empresas galegas representou un 17,6%, mentres que o investimento das administracións públicas, ensino superior e institucións privadas sen fins de lucro medrou nun 39%. Ademais, o persoal empregado en I+D en biotecnoloxía incrementouse nun 26% -ata chegar a 1.270 persoas-. Dentro deste, o persoal investigador aumentou nun 39% ata sumar preto de 830 persoas.
Neste senso, a Estratexia de Especialización Intelixente xoga un papel clave no impulsdo do Goberno galego a este sector. A través da RIS3 a Xunta potenciará a biotecnoloxía como ferramenta de apoio ao desenvolvemento de produtos e servizos que produzan alimentos de alto valor engadido; a súa aplicación á cadea monte-industria; o desenvolvemento de produtos biotecnolóxicos para a medicina e a cosmética; e a creación de novos materiais de orixe mariño aproveitando os residuos pesqueiros.
Fonte: Xunta de Galicia