Feijóo subliña que o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas situará Galicia no mapa da investigación aeronáutica para uso civil de Europa
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou no acto de presentación do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, que tivo lugar o pasado 23 de decembro, que este situará a Galicia no mapa da investigación aeronáutica para uso civil de Europa. Así mesmo, subliñou que o centro exercerá un efecto tractor sobre as empresas ao propiciar a transferencia de coñecemento ao tecido industrial e permitirá crear consorcios de innovación nos que participen PEMEs galegas e grandes compañías aeronáuticas a nivel internacional.
Ademais, incidiu nas enormes aplicacións que terá para os sectores estratéxicos da economía galega, como a pesca, a agricultura, o sector forestal, a automoción, o naval ou o metalúrxico. Neste senso, o novo centro alíñase directamente coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), en concreto co seu reto 2 de creación dun novo modelo industrial da Galicia do futuro, contribuíndo á diversificación da actividade dos sectores industriais tradicionais, aproveitando a experiencia de sectores como o naval e a automoción para acceder a industrias de alta tecnoloxía como a aeronáutica.
Feijóo anunciou que a posta en marcha do centro suporá a creación de 50 postos de traballo de alta cualificación e un investimento de 10 millóns, que estarán destinados fundamentalmente á remodelación das actuais instalacións do aeródromo.
O xefe do executivo galego salientou que, ademais de ser o centro de cabeceira do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) en España para o desenvolvemento e ensaio de tecnoloxías en avións non tripulados de uso civil, preténdese que o centro sexa recoñecido como membro da rede de centros do Foro Estratéxico Europeo de Infraestruturas de Investigación (ESFRI), que integra as infraestruturas científicas máis excelentes da UE, e que favorecería o acceso a financiamento do programa H2020.
Fonte: Xunta de Galicia