A Xunta destina 4 millóns a contratos programa con centros de coñecemento galegos
A Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, destinará preto de 4 millóns de euros á sinatura de contratos programa con centros de coñecemento galegos (centros tecnolóxicos, centros de coñecemento, fundacións sanitarias, CSIC e Instituto Español de Oceanografía). O obxectivo destas axudas pertencentes ao Programa Galicia Transfiere da RIS3, é potenciar a transferencia de resultados e a atracción e retención de talento, mediante a adquisición de equipamento, a realización de investimentos e a contratación e consolidación de persoal de I+D+i.
Esta modalidade de axuda, o contrato programa, diferénciase das axudas convencionais en que se outorgan segundo os rendementos obtidos por cada centro. Deste modo, prémianse aquelas institucións que acadan mellores resultados en distintos eidos, como a captación de fondos europeos, a colaboración con empresas galegas ou a transferencia dos resultados ao mercado.
Esta modalidade de axudas xa ten demostrada a súa eficicacia en anos anteriores impulsando notablemente os contratos de centros tecnolóxicos con empresas galegas e incrementando os ingresos destes obtidos por servizos prestados a empresas.
Este apoio vén sumarse ás axudas que a Consellería de Economía e Industria xa destinou a centros tecnolóxicos a través das convocatorias dos programas Innterconecta e Conecta Pemes, que supuxeron un investimento de máis de 26 millóns de euros de fondos públicos para este tipo de entidades.
Fonte: Xunta de Galicia