O Consello da Xunta aproba a convocatoria de Unidades Mixtas de Investigación, enmarcada no programa Innova en Galicia da RIS3-Galicia
O Consello da Xunta aprobou o pasado xoves a convocatoria dun programa encamiñado á creación de centros de investigación mixtos entre empresas e organismos de investigación galegos. Esta iniciativa, dotada con 9,5 millóns de euros dos orzamentos da Consellería de Economía e Industria, está enmarcada no programa Innova en Galicia da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3-Galicia), que busca cimentar o crecemento económico da nosa Comunidade na innovación e en actividades de alto valor engadido.
Poderán optar a estas axudas centros tecnolóxicos, universidades, fundacións de investigación sanitaria e centros galegos do CSIC e do IEO que acrediten o compromiso dunha empresa para desenvolver conxuntamente liñas de traballo en ámbitos estratéxicos para a economía galega. O resultado será unha unidade mixta de I+D con entidade física propia, persoal da empresa destinado nas súas dependencias, un orzamento mínimo de 2 millóns de euros e un compromiso de mantemento durante un periodo mínimo de 3 anos.
A intención final é promover a creación de polos tecnolóxicos de excelencia en campos como os vehículos intelixentes, a industria aeronáutica e aeroespacial, o deseño de novos fármacos, a aplicación dos TIC no ámbito sanitario, novas fórmulas para a explotación enerxética da biomasa e outros aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 de Galicia. Neste senso, cómpre sinalar que distintas compañías dos sectores farmacéutico, TIC, automoción e aeronáutica xa amosaron o seu interese neste programa.
FONTE: Xunta de Galicia