Conde destaca a estratexia de especialización intelixente como eixe para devolver a Galicia á senda do crecemento
O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) como un eixo para redefinir o modelo produtivo e devolver Galicia á senda do crecemento. Conde destacou este feito durante a súa participación na clausura da Xornada Económico-Empresarial de Galicia, organizada por Iberdrola, Sociedad de Tasación e Escuela Europea de Negocios, celebrada no Pazo de Congresos de A Coruña.
Como medio para articular e coordinar esta medida, Conde subliñou o traballo de planificación económica que o Goberno galego está levando a cabo, e que incide especialmente sobre o emprendemento, a innovación e a internacionalización. No eido do emprendemento, o conselleiro de Economía e Industria defendeu a necesidade de crear un ecosistema idóneo para que Galicia estea á vangarda das comunidades que más emprenden, e citou exemplos galegos recentes de emprendemento industrial de éxito, como Innolact, Galchimia, Scio, Nanogap ou Keramat.
Conde destacou como ferramenta principal para acadar ese ecosistema, e chegar aos 160.000 emprendedores nos vindeiros catro anos, a Lei de Emprendemento, que será aprobada nas próximas semanas. A Lei elimina con carácter xeral a licenza municipal, salvo casos nos que sexan necesarias autorizacións dos ámbitos do patrimonio e o medio ambiente. Crea ademais a Unidade Galicia Emprende, coa que se facilitará a creación de empresas en 24 horas e se analizará a viabilidade de proxectos empresariais en menos de 30 días; e, entre outras medidas, regula a figura dos business angels, e prevé un programa de microcréditos de 15 millóns de euros e un fondo de capital risco.
A lei ven completar un completo mapa de apoio ao tecido empresarial galego. O Goberno galego está a mobilizar neste exercicio máis de 50 millóns de euros para incentivar a posta en marcha de novos proxectos, impulsar a competitividade e facilitar o financiamento de empresas viables pero que están a pasar por momentos difíciles debido á falta de crédito.
O conselleiro referiuse tamén ao pulo á innovación galega, centrada na transferencia do coñecemento do sector público ao privado co obxectivo de acadar un impacto positivo no tecido produtivo. Conde sinalou que a innovación en Galicia hoxe pasa por programas como o Innterconecta ou o Conecta Pemes, que mobilizan 235 millóns de euros en proxectos innovadores nos que cooperan 500 empresas galegas, mostra da excelencia do talento galego.
Referiuse neste senso á necesidade de cooperar para innovar, e subliñou nesta dirección o apoio da Xunta aos clústers galegos,que este ano se traducirá en axudas de 4,5 millóns de euros. E subliñou que o futuro da innovación en Galicia pasa, dentro da planificación que está a levar a cabo o Goberno galego, pola Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), un documento que a Xunta está a elaborar con máis de 200 axentes do Sistema Galego de Innovación e que é requisito para captar 2.771 millóns de euros en fondos FEDER e FSE entre 2014 y 2020 –despois de que Galicia acadase un 40% máis de fondos europeos dos inicialmente previstos-.
Deses fondos, unha parte importante se dedicarán a innovación, eficiencia enerxética e apoio á competitividade das pemes, e a RIS3 será a guía para orientar tanto os investimentos como as políticas de innovación. Entre as propostas presentadas durante a elaboración da RIS3 atópanse proxectos de futuro como converter Galicia nun provedor da industria aeronáutica, aproveitar os residuos e subprodutos do sector agroforestal e a súa industria transformadora ou o desenvolvemento de novos materiais para as principais industrias tractoras de Galicia.
Como terceiro eido no que incide especialmente a planificación económica do Goberno galego, Conde resaltou a boa marcha da internacionalización da economía galega, cunhas exportacións que medraron un 16% no que vai de ano en comparación co mesmo período de 2012, o que fai de Galicia a segunda comunidade autónoma na que máis creceron as vendas ao exterior. Resaltou ademais o bo comportamento da balanza comercial, cun saldo positivo de 2.170 millóns, máis dun 300% por encima de 2012.
O Conselleiro, destacou que as cifras do Índice de Producción Industrial, do Valor Añadido Bruto da Industria, e do Índice da Cifra de Negocios son mellores para a industria galega que para a do resto do país, e apostou pola consolidación desas cifras xa que, destacou, só unha industria forte e consolidada devolverá a Galicia ao crecemento.
Fonte: Axencia Galega de Innovación