II Foro RIS3 Galicia: unha visión estratéxica compartida
O II Foro RIS3 supón a culminación dos traballos realizados na nosa comunidade durante os últimos meses. Unha gran tarefa de descubrimento emprendedor cunha única meta: unha visión de futuro compartida e selección das principais áreas de especialización de Galicia.
O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou os obxectivos da innovación galega ata o ano 2020, un documento froito da colaboración da Xunta con máis de 200 axentes do Sistema Galego de Innovación. “Enfrontámonos a un dos retos de planificación de maior calado e transcendencia que a Xunta abordou na súa historia recente”, manifestou o conselleiro durante a súa intervención, subliñando a vontade de consenso da Administración galega coas universidades, centros tecnolóxicos, centros de coñecemento, clusters, empresas e profesionais. Deste importante acordo, ademais do futuro de Galicia, depende a captación de 1.200 millóns de euros de fondos estruturais da Unión Europea, algo que, segundo Conde, suporá unha oportunidade para converter a Galicia nun polo de atracción de científicos e investigadores.
Distribuídos en diferentes grupos de traballo, os axentes do Sistema Galego de Innovación adiantaron 30 obxectivos que, supervisados pola Xunta de Galicia, servirán como proposta para a escolla do número limitado de prioridades que esixe a metodoloxía da estratexia RIS3. Algúns destes obxectivos propostos son:
- Converter a Galicia en provedor da industria aeronáutica;
- Incentivar as tecnoloxías, servizos e loxística da biomasa;
- Aplicación de novos materiais e tecnoloxías emerxentes nas principais industrias tractrices galegas;
- Potenciar o turismo cultural;
- Empregar as TIC para favorecer o envellecemento activo.
Neste proceso de selección tomáronse de exemplo 745 casos de éxito da I+D+i galega, establecéndose diferentes criterios para filtrar as áreas prioritarias como, entre outros, a existencia de infraestruturas e capacidades clave, presenza de masa crítica ou de tecnoloxías relevantes nas que Galicia sexa competitiva.
Neste foro tamén se abordaron aspectos xerais da especialización intelixente en Europa e expuxéronse experiencias da especialización intelixente en Andalucía, Estremadura, Castela e León e a Rexión Norte de Portugal.
Para obter unha información completa sobre o II Foro RIS3 Galicia, por favor, prema na seguinte ligazón